Friday 17 de May de 2024

Emvsa inicia a licitación das obras de construción da piscina, ximnasio, spa e pista do complexo deportivo do Castrillón


 

A empresa municipal saca a concurso a actuación por un valor de 1.964.205,24 euros.

A Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades EMVSA aprobou hoxe no seu consello de administración a licitación das obras de construción da piscina, spa, ximnasio e pista do complexo deportivo do Castrillón por valor de 1.964.205,24 euros.
E tamén iniciará a licitación equipamento deportivo por importe de 249.525,77 euros que inclúe liña de cardio e de forza, xogo de porterías de balonmán, xogo de voleibol e de bádminton e conxunto de bancadas retractiles. A redacción do proxecto de execución foille adxudicada ao estudio de arquitectura Diaz&Díaz.

Con esta actuación, o Goberno local dá resposta a unha vella demanda da veciñanza do Castrillón que leva anos solicitando que se dote o barrio con infraestruturas deportivas e reactiva a licitación de obra pública na cidade despois dun tempo de certa parálise.

O complexo deportivo, cunha superficie de 3.060,45 metros cadrados, contará con dúas plantas e baixo. A primeira planta, con 2.340,60 metros cadrados, albergará a piscina, o spa (pediluvio, sauna de vapor, sauna seca, ducha escocesa, ducha biotérmica, ducha cubo, ducha tres estacións), a pista polideportiva, aseos adaptados e vestiarios para monitoras/es e persoas usuarias.
A segunda planta, con 571,75 m2, albergará os vestiarios para mulleres e homes e as salas de actividade deportiva. O prazo de presentación de ofertas será de 30

días naturais a partir do día seguinte da publicación do anuncio no perfil do contratante de Emvsa e o de execución das obras será de 12 meses.

Outras actuacións no barrio

Esta actuación súmase a outras que o concello está a desenvolver no barrio. As obras de mellora da praza da Concordia están en fase de contratación. O proxecto conta cun orzamento de máis 257.000 euros. A reforma propón a construción de dúas zonas de xogo que estarán cerradas ao tráfico e unha zona de xogos infantís. Ademais, dentro do plan de mobilidade, o Goberno local estudia modificacións nas liñas de transporte público para mellorar as conexións do barrio co resto da cidade. Doutra banda, desde Urbanismo analizan medidas encamiñadas a solucionar os problemas de aparcamento en superficie que teñen as e os residentes.